Site Overlay

X EdiciónCertame de Relato Curto da FANPA

Entrega de relatos ampliado ata o 22 de marzo de 2024BasesX Edición

Como escribir un relato curto

1. CÉNTRATE NA ACCIÓN

O relato non é só unha anécdota, xa que conta unha historia ficticia. A narración ha de estar condensada e centrarse no que sucede.
No relato non hai longas descricións ou extensas exposicións ou reflexións morais ou psicolóxicas. Isto non quere dicir que careza destes elementos. Poden estar, pero escondidos entre liñas ou ditas directamente coas palabras xustas.

2. NON QUEIRAS ABARCALO TODO

O relato, polo xeral, debe ocorrer nun espazo de tempo breve, ter poucos personaxes principais (2 ou 3 como moito) e unha localización principal.

3. BUSCA UNHA IDEA E SELECCIONA O IMPACTO

Toda idea pode simplificarse sempre, só hai que darlle unha volta. Para iso, busquemos o instante con maior forza, o momento de impacto da historia, así saberemos onde hai que centrarse. Por exemplo:
Queremos contar a historia de Martiño que, tras pasarse moitos anos dedicado ao seu traballo, logrou alcanzar o éxito profesional. Foi un tipo importante, ambicioso e chegou ao máis alto, pero a custa de arriscar a súa vida persoal. Co tempo, cometeu unha serie de erros e arruinouse co que rompeu a familia e acabou de mendigo.
Ben, temos a idea, agora buscamos o impacto. Por exemplo:

Martiño é un mendigo que cada mañá pide nunha esquina do centro da cidade, nunha zona de oficinas preto de onde el traballaba tempo atrás. Os mesmos executivos entre os que el se incluía antes, son agora os que o ignoran e pasan polo seu lado sen miralo.

4. NON O CONTES, MÓSTRAO

Un relato non é un resumo dunha historia, senón unha historia en si. Tomando o mesmo exemplo do punto anterior, poderiamos dicir:

Martiño é un mendigo que cada mañá pide nunha esquina preto de onde antes traballaba. Entón tiña moito éxito, aínda que se acababa de divorciar e non tiña moito tempo para os seus fillos porque…

Que é isto? É unha historia ou o resumo dunha historia? En realidade é o segundo.

Para narrar a historia temos que centrarnos no instante, na acción, polo tanto, mostra o que ocorre, ensina a historia a través da acción:

Martiño conta as moedas da súa caixa e dáse conta de que non foi unha boa mañá. Dubida se terá para tomar algo quente…

5. MANTÉN A ESTRUTURA
Todo relato ha de ter unha introdución, un nó e un desenlace. Por exemplo, na historia anterior:

- A introdución (sitúa a historia: que, quen, onde e cando) sería: o mendigo contando as moedas na súa esquina e os executivos pasando ante el envoltos no seu abrigo.
- O nó podería ser: o mendigo está preocupado porque necesita tomar algo quente pero non lle chega o diñeiro. Segue pedindo pero os executivos ignórano.
- O desenlace (sería o final que lle deamos): alguén se apiada del e dálle o diñeiro para que se tome o café.

6. NON O DEAS TODO, SUXÍREO

No relato é tan importante o que se di como o que se cala. Como diciamos antes, non hai lugar para exposicións longas, así que esquécete de explicar que o mendigo se sente mal pola súa situación ou que se arrepinte de perder a súa familia. Iso ha de quedar implícito na acción. Deixa que o lector o deduza. Por exemplo, en lugar de explicar que o mendigo tiña familia e a perdeu xunto co seu traballo, podemos facer que entre os executivos que cruzan ante el, o mendigo recoñece ao seu fillo e intenta dicirlle algo. O fillo vólvese cara a el e, sen recoñecer o seu pai, dálle unha moeda, solucionando o problema de tomar algo quente esa mañá. Pero, obviamente, ao mendigo xa non lle importa o café.

7. CADA FRASE CONTA

Do principio ao final, cada frase do relato ten que estar aí cunha función na historia. Tes pouco espazo e poucas palabras, aprovéitaas ben. Isto non é necesario facelo na primeira escritura, pero si na revisión. Se a esencia do texto se comprende sen esa frase, elimínaa.

8. MANTÉN O SUSPENSE

Non deas toda a información ao comezo. Dosifícaa e leva o lector ata a última palabra. Se contamos de partida que o mendigo era antes un executivo e que acaba de atoparse co seu fillo, logo quedamos sen sorpresa para o final.

Sempre que poidas, intenta que ao final do texto haxa un xiro, un golpe de efecto, unha sorpresa. Que estea xustificada, claro, pero que dea un novo sentido ao texto. É mellor empezar polo mendigo con frío que ha de conseguir diñeiro para algo quente. Logo podemos contar que el antes era un deses executivos que agora o ignoran, porque isto produce máis curiosidade sobre o personaxe. De súpeto, recoñece a alguén entre a multitude e chama a súa atención (máis intriga). Esta persoa non o recoñece, pero dálle diñeiro, aínda que ao mendigo xa non lle importa o diñeiro, porque o executivo era o seu fillo (deixamos o golpe de efecto para o final).

9. IMPACTO POSTERIOR

Una das cousas máis difíciles pero tamén das máis importantes é lograr que o relato deixe pegada no lector. Unha vez termine, o texto ha de deixar un eco no seu interior, unha reflexión, un sentimento. É fundamental que a derradeira frase conteña un xiro ou unha imaxe que impresione. Volvendo ao caso do exemplo, o ideal é chegar ao final sen saber quen é o executivo ao que o mendigo recoñeceu e que acaba de darlle o diñeiro. Nesa última frase (que ademais debería ser curta, sinxela e directa para causar maior impacto) revelaremos que se trata do seu fillo (un bo xiro final) e deixaremos entrever que o mendigo xa non está preocupado polo diñeiro (nin o mira), senón que observa como o seu fillo se afasta sen poder facer nada para evitar que cometa os mesmos erros que el cometeu no pasado.

10. AMBIENTA CON POUCO

Non tes espazo para descricións longas nin divagacións, pero o relato tamén ha de ter ambientación para envolver ao lector. Para ambientar nun texto moi curto, usa o ton, o narrador, a linguaxe e selecciona as palabras adecuadas. Non é o mesmo dicir bruma que néboa. Cada palabra axuda a construír a atmosfera. Elíxeas con coidado.

Por exemplo, para a historia do mendigo, situamos a historia nunha cidade, unha mañá de inverno na que vai moito frío, pero non é necesario dicir todo isto. Podemos ver o frío no bafo que sae da boca do personaxe ou facendo que refregue as mans envoltas en luvas antes de contar o diñeiro. Mellor aínda, podemos velo todo a través dos executivos que entran nas súas oficinas envoltos en grosos abrigos mentres ignoran ao mendigo. Nesta imaxe sabemos que é unha cidade, que é pola mañá, é inverno e vai frío.

11. A IMPORTANCIA DO TÍTULO

O título é un espazo extra que pode resultar moi útil. O ideal é que suxira, intrigue e mostre unha nova luz sobre o texto unha vez que se termine coa súa lectura.

12. ALGÚNS CONSELLOS PARA ESCRITORES NOVEIS

Calquera escritor ou escritora que queira facer relatos de calidade debe ler relatos. Para entender como funcionan e como se escriben, é fundamental que os coñezamos. Cando remates de escribir un relato, déixao repousar e dálle unha lectura ao cabo duns días. Seguro que farás algunhas melloras! Procura que o teu relato sexa orixinal, que teña enfoques pouco habituais.

Feliz escritura!

Blog

Bases da X Edición

BASES da X Edición do Certame de Relato Curto da FANPA con publicación   Promove: FANPA Pontevedra Colaboran: Kalandraka, Concello de Pontevedra, AELG, Deputación de Pontevedra, Diario de Pontevedra, Gadis, Mensavedra, Banco Santander UN RELATO CURTO narra unha historia ficticia nun pequeno espazo de tempo, con poucos personaxes, con descricións breves e escasas divagacións. MostraLer máis …Bases da X Edición

Formulario de participación X Edición

Para os envíos colectivos, por exemplo desde unha escola, é recomendable facelo directamente ao enderezo de correo certame.relatocurto@nontedurmas.org . Nos envíos colectivos, debe vir como anexo ao correo un documento independente por cada relato e participante. Para os participantes individuais é obrigatorio facelo a través de formulario.   (Detectamos que algúns tedes problemas de confirmaciónLer máis …Formulario de participación X Edición

Relatos seleccionados e finalistas da IX Edición do Certame de Relato Curto

Conforme as bases, publicamos a lista de relatos seleccionados. Todos estes relatos serán incluídos no volume impreso desta IX Edición que ademais recibirán o seu correspondente diploma. Ademais, sairán de entre eles os premiados polo xurado de cada unha das 4 categorías. Os premiados serán revelados no Acto de entrega do vindeiro 23 de xuño.Ler máis …Relatos seleccionados e finalistas da IX Edición do Certame de Relato Curto

IX Certame

Despois do obrigado parón que produciu a pandemia da Covid-19 porque non era posible nin reunirse nin celebrar, por fin imos recuperando o pulso da normalidade e, neste sentido, a FANPA vai retomar a convocatoria do seu certame de relato curto. A do 2023 será a IX Edición desta iniciativa que ademais de fomentar aLer máis …IX Certame

Bases da VIII edición

Os principais obxectivos deste certame son: fomentar a creatividade no alumnado, potenciar a expresión e comprensión escrita, estimular o uso do galego nas familias, facilitar as posibilidades de publicación a novos creadores/as, apoiar os escritores/as noveis e afeccionados/as, crear un espazo común e familiar para a creación literaria. 1º Os relatos deberán ser orixinais, inéditos,Ler máis …Bases da VIII edición

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies