Blogs gratuítos?
A sabedoría popular ten un par de aforismos que din algo que se pode reducir a isto
En toda reunión hai un tonto, mira ao teu arredor e se non es capaz de identificalo, é que o tonto es ti.
🙂 ou
Ninguén dá duros a peseta
Na Internet pasa un pouco así, se utilizamos un servizo dunha empresa, sexa esta un xigante coma Google (Blogger) ou unha iniciativa máis modesta doutras empresas está claro que utilizamos unha serie de recursos que custan o seu diñeiro (conexión, equipos, persoal, etc.) Para nós ten sentido aforrar uns euros á nosa asociación pero que sentido ten para a empresa? Claramente sacan beneficio disto e fano de distintas maneiras: utilizando os nosos contidos como cebo co que difundir publicidade a anunciantes aos que lles cobran, captándonos como clientes de pago por pura dependencia con pagos por servizos complementarios, melloras ou, no peor dos casos, comercializando os nosos datos de perfil e usuarios.
Por outro lado, eses sistemas son frecuentemente limitadísimos xa que non podemos personalizalos case nada ou non permiten poñer documentos para descargar ou temos que complicarnos e combinar con outros medios para poñer unha foto e ademais esa empresa en calquera momento pode cerrar ou deixarnos abandonados cando hai un problema. Outros son complicados e necesitas moito tempo para manexarte ben con ese sistema e sabes que, despois de ti, ninguén se vai ocupar de mantelo.
Non abonda con Facebook?
Facebook é unha rede social cerrada; só se pode acceder ao seu contido a non ser que sexas usuario; unha parte importante dos socios non o son e non lles interesa selo e teñen dereito. Se publicamos algo só en Facebook non se pode compartir fóra dese nicho, non ten visibilidade nin é realmente público. Ao revés, si, e isto é un aspecto moi interesante.
Pode que algúns contidos só queiramos que estean accesibles aos socios, ben pois podedes construír o blog con “dereito de admisión” reservado só a subscritores ou con conta no sistema, incluso só para determinados contidos.
Ninguén se le as condicións coas que se ofrece pero todo o que se publica ten por un lado censura e por outro facemos doazón á empresa Facebook do contido e de toda a información como perfís de interese, relacións persoais, fotografías, etc.
Aínda así, é evidente que hoxe en día moitos socios si utilizan esa rede é que nos convén conectar con eles, así que podemos aproveitar o mellor de ambos mundos. As novidades do voso blog podedes publicalas no voso perfil de Facebook, e incluso mellor, de modo automatizado, de modo que só tedes que manter actualizada a vosa páxina e o sistema xa se encarga de facerlle chegar as novidades aos usuarios desa rede.
Por que levar a páxina da ANPA desde blogs.nontedurmas.org?
Por economía
Os blogs da FANPA non son realmente gratuítos xa que se financian cos recursos da federación, é dicir cos recursos que as ANPA e sociedade nos proporciona a través de subvencións e convenios por ser un entidade con fins sociais. Así que se xa es unha ANPA asociada, xa tes a factura pagada.
Por axuda
Construír un blog no noso sistema é realmente sinxelo, utilizamos WordPress e hai miles de tutoriais de todo tipo na rede pero é que normalmente non se necesita máis ca un pouco de intuición incluso para persoas que nunca utilizaron un sistema de publicación en liña. Ao final só se trata de manexar novos artigos, escribilos, poñerlles algunha ilustración ou anexo e publicalos.
Por estar apoiados
Ademais, a FANPA ofrécevos apoio e asesoramento, xa que podedes contactar con nós por múltiples vías para que vos botemos puntualmente unha man. Por outra banda, nós nos ocupamos de actualizar e asegurar o sistema, tanto no que se refire a vulnerabilidades ou ataques como proporcionarvos as novas posibilidades das que vai dispoñendo o sistema, novos deseños, cumprimento da normativa, etc. Non só vos apoiamos a vós senón que protexemos aos usuarios, lectores do voso blog, que normalmente serán os socios.
Sen publicidade ou SPAM
Non se colarán entre o voso contido anuncios estraños nin vos asaltarán xanelas publicitarias intrusivas e mesmo podedes colocar as vosas promocións, descontos para asociados e actividades. O sistema permite que teñades un formulario de contacto ou que construades un formulario de inscrición para algunha actividade.
Duración e independencia no tempo
Unha das cousas máis fermosas cando se leva unha publicación é ver que non tes que facelo todo de cero. Cando te fas cargo, xa pode haber unha certa tradición na asociación, o que facilita moito o traballo do que publica e complementariamente, cando un deixa o relevo a outro, é fermoso ver que continúa o noso traballo.
Os relevos entre directivas adoitan ser un pouco bruscos xa que normalmente a actividade detense ao acabar o curso e retómase co seguinte, pasados uns meses cando xa quizais non están dispoñibles as mesmas persoas. O mesmo que pasa cos libros societarios, os documentos, seguros, as contas bancarias, etc. É realmente sinxelo de facer cando temos sistemas para pasar o testemuño nos que abonda con identificarnos como novos responsables do asunto e ter acceso. A FANPA garante isto, xa que se ocupa do mantemento da plataforma. Abonda con cambiar as contas de usuario-administrador do voso blog.
Evitemos que queden por aí blogs orfos, desactualizados ou que xa non responden á realidade da asociación e por tanto confunden máis que axudan.
Pero xa teño un blog en Blogger ou Facebook, non quero volver comezar
Ben, pois é posible migrar desde Blogger (son as páxinas tipo http://nome.blogspot.com) ao noso sistema. Se este é o teu caso non tes máis que descargar unha copia de seguranza do teu blog e importala aquí. Non perderás nada, nin sequera os contidos antigos nin as ligazóns que os usuarios estaban afeitos a coñecer. E sobre Facebook ademais do xa dito, podedes repartir o traballo, algún colaborador pódese ocupar de responder comentarios nesa rede mentres outro mantén o blog, sacando así o mellor partido de ambos sistemas.