Un relato curto narra unha historia ficticia nun pequeno espazo de tempo, con poucos personaxes, con descricións breves e escasas divagacións.
Mostra o que ocorre e ensina a historia a través dunha acción estruturada deixando ao lector que deduza parte dos feitos e que se atope cun final inesperado.
Os principais obxectivos deste certame son: fomentar a creatividade no alumnado, potenciar a expresión e comprensión escrita, estimular o uso do galego nas familias, facilitar as posibilidades de publicación a novos creadores/as, apoiar os escritores/as noveis e afeccionados/as, crear un espazo común e familiar para a creación literaria.
1º Os relatos deberán ser orixinais, inéditos, non premiados noutros certames, de temática libre e escritos en lingua galega. Cando se promovan dende os colexios e institutos, serán descartados os grupos de relatos de temática semellante.
2º Poderán presentarse todos os alumnos e alumnas dos centros públicos da provincia de Pontevedra de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional. Tamén poderán presentarse as persoas adultas (familiares, profesorado e alumnado universitario dos campus de Pontevedra e Vigo).
3º Cada autor/a só poderá presentar un relato que terá unha extensión mínima de 200 palabras e máxima de 300. Estará escrito en Times New Roman, de tamaño 12 pt. e interliñado de 1,5 liñas.
4º Os relatos enviaranse en arquivos en formato .doc, .docx ou .odt ao enderezo de correo electrónico certame.relatocurto@nontedurmas.org
5º Enviaranse dous arquivos no mesmo correo:
1. Denominado DATOS (este ficheiro é para a organización) no que figurará o relato completo e os seguintes datos do/a participante:
• o pseudónimo utilizado
• o nome e apelidos do autor/a
• o curso do alumno/a
• o centro escolar onde estuda o alumno/a
• o correo electrónico persoal
• o teléfono persoal
• o relato
2. Denominado RELATO (este ficheiro é para o xurado) no que figurará:
• o título do relato
• o relato
• o pseudónimo utilizado
• a categoría (primaria, secundaria, bacharelato/formación profesional
ou adultos).
6º O prazo de envío dos textos finalizará o 28 de febreiro de 2018.
7º A selección do xurado, formado por filólogos, escritores e/ou profesores e representantes de Kalandraka Editora, terá dúas fases. Na primeira fase seleccionará os 120 mellores relatos de entre todos os presentados e que formarán parte do libro. Esta selección de 120 finalistas darase a coñecer no mes de maio de 2018. Nunha segunda fase o xurado destacará 20 dos relatos finalistas e escollerá de entre eles o gañador de cada categoría (primaria, secundaria, bacharelato/FP e adultos). O resultado desta escolla darase a coñecer no acto de entrega de premios.
8º Os premios serán os seguintes:
• Para o gañador/a de cada categoría (primaria, secundaria, bacharelato/formación
profesional e adultos): un vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka,
un xogo e unha lámina autenticada polo ilustrador Óscar Villán.
• Para os 20 autores finalistas destacados: un obradoiro de creación literaria
que impartirá no mes de xuño a escola de escritores da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
• Para os 120 autores finalistas: un libro colectivo cos seus relatos e co relato
feito expresamente para o certame por un escritor profesional, nesta edición é Antonio García Teijeiro.
• Tanto os relatos gañadores coma todos os finalistas publicaranse tamén no
Diario de Pontevedra durante as vacacións de verán.
9º A obra será propiedade da entidade organizadora, polo que os autores e autoras aceptan ceder todos os seus dereitos e a corrección gramatical e léxica para a súa publicación.
10º Os premios poderán quedar desertos se non se alcanza unha calidade mínima, incluída a publicación do libro colectivo. As decisións adoptadas polo xurado serán inapelables en todos os casos.
11º A participación no certame implica a aceptación das bases e a súa interpretación é responsabilidade da organización do certame.
12º Os datos persoais incluídos neste certame só serán coñecidos pola organización do concurso, quen garante o anonimato dos autores e autoras dos relatos durante todo o proceso de selección e deliberación do xurado e serán obxecto de tratamento automatizado no ficheiro da Federación cuxa finalidade é a xestión e control dos premios concedidos polo xurado. Os seus datos persoais non serán comunicados ou cedidos a terceiros. O interesado ou interesada poderá revogar o seu consentimento así como exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición no enderezo de correo: certame.relatocurto@nontedurmas.org