BASES da X Edición do Certame de Relato Curto da FANPA
con publicación
Promove: FANPA Pontevedra
Colaboran: Kalandraka, Concello de Pontevedra, AELG, Deputación de Pontevedra, Diario de Pontevedra, Gadis, Mensavedra, Banco Santander
UN RELATO CURTO narra unha historia ficticia
nun pequeno espazo de tempo, con poucos personaxes,
con descricións breves e escasas divagacións.
Mostra o que ocorre e ensina a historia a través
dunha acción estruturada deixando ao lector
que deduza parte dos feitos e que se atope
cun final inesperado.
Os principais obxectivos deste certame son: fomentar a creatividade no alumnado, potenciar a expresión e comprensión escrita, estimular o uso do galego nas familias, facilitar as posibilidades de publicación a novos creadores/as, apoiar os escritores/as noveis e afeccionados/as, crear un espazo común e familiar para a creación literaria.
1º Os relatos deberán ser orixinais, inéditos, non premiados noutros certames, de temática libre e escritos en lingua galega. Cando se promovan dende os colexios e institutos, serán descartados os grupos de relatos de temática semellante.
2º Poderán presentarse todos os alumnos e alumnas dos centros públicos da provincia de Pontevedra de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional. Tamén poderán presentarse as persoas adultas (familiares, profesorado e alumnado universitario dos campus de Pontevedra e Vigo).
3º Cada autor/a só poderá presentar un relato que terá unha extensión mínima de 200 palabras e máxima de 300.
4º O relato presentarase en ficheiros de formato de texto editable (.doc, .docx, .odt ou PDF híbrido) en http://certame.nontedurmas.org/ onde se remitirán mediante o formulario en liña dispoñible. Só no caso de grupos escolares, poderase enviar o conxunto de relatos como anexo ao enderezo de correo electrónico certame.relatocurto@nontedurmas.org
5º Enviaranse un único ficheiro para cada participación, constando de dúas páxinas, co seguinte formato:
– O nome do ficheiro será o título do relato
– A primeira páxina conterá
• O título do relato
• O relato
• O pseudónimo utilizado
• A categoría (primaria, secundaria, bacharelato/formación profesional ou adultos).
– A segunda páxina conterá
-
- O título do relato e o pseudónimo co que se presenta
- O nome e apelidos reais do autor
- O curso actual, no caso dos alumnos.
- O centro escolar co que está relacionado, para todos os participantes
- Correo electrónico vinculado co participante (propio ou do representante)
- Teléfono de contacto
6º O prazo de envío dos relatos orixinais finalizará o 18 de marzo de 2024.
7º A selección do xurado, formado por filólogos, escritores e/ou profesores, terá dúas fases. Na primeira fase seleccionará os 120 mellores relatos de entre todos os presentados e que formarán parte do libro. Esta selección de 120 finalistas darase a coñecer no mes de maio de 2024. Nunha segunda fase o xurado destacará 20 dos relatos finalistas e escollerá de entre eles o gañador de cada categoría (primaria, secundaria, bacharelato/FP e adultos). O resultado desta escolla só se dará a coñecer no acto de entrega de premios, que terá lugar no mes de xuño.
8º Os premios serán os seguintes:
• Para o gañador/a de cada categoría (primaria, secundaria, bacharelato/formación profesional e adultos): un vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka, un xogo e unha lámina autenticada polo ilustrador homenaxeado nesta convocatoria, Kilo da Silva.
• Para os 20 autores finalistas destacados: un obradoiro de creación literaria que impartirá no mes de xuño a escola de escritores da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
• Para os 120 autores finalistas: un libro colectivo cos seus relatos e co relato feito expresamente para o certame polo escritor homenaxeado, nesta edición é Xosé Monteagudo.
• Tanto os relatos gañadores coma todos os finalistas publicaranse tamén no Diario de Pontevedra durante as vacacións de verán.
9º A obra será propiedade da entidade organizadora, polo que os autores e autoras aceptan ceder todos os seus dereitos e a corrección gramatical e léxica para a súa publicación.
10º Os premios poderán quedar desertos se non se alcanza unha calidade mínima, incluída a publicación do libro colectivo. As decisións adoptadas polo xurado serán inapelables en todos os casos.
11º A participación no certame implica a aceptación das bases e a súa interpretación é responsabilidade da organización do certame.
12º Os datos persoais incluídos neste certame só serán coñecidos pola organización do concurso, quen garante o anonimato dos autores e autoras dos relatos durante todo o proceso de selección e deliberación do xurado e serán obxecto de tratamento automatizado no ficheiro da Federación cuxa finalidade é a xestión e control dos premios concedidos polo xurado. Os seus datos persoais non serán comunicados ou cedidos a terceiros. O interesado ou interesada poderá revogar o seu consentimento así como exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición no enderezo de correo: certame.relatocurto@nontedurmas.org