• 986858605
  • certame.relatocurto@nontedurmas.org
  • r/Xan Guillerme, 9 - Pontevedra

O Reloxo de Roskopf, por Francisco Fernández Naval

O RELOXO DE ROSKOPF

De neno, a Georges Frederic Roskopf gustáballe subir ao faiado da súa casa na vila alemá de Niederweiler. Alí, por unha bufarda, saía ao tellado onde sentaba, cando o tempo llo permitía, e contemplaba o mundo.

Do outro lado da rúa vivía Gretel. Tamén ela saía ao tellado do seu edificio. Georges e Gretel tiñan a mesma idade, ela era loura e el de pelo roxo. Eran veciños e amigos. Empoleirados nos seus miradoiros observaban os desfiles dos soldados que marchaban ou volvían da guerra; a banda de música, que facía vibrar os edificios cos seus instrumentos metálicos; as novas que berraban os pregoeiros. Sabían da primavera pola chegada das andoriñas e aprenderan que a súa marcha cara ao sur anunciaba o inverno e o final dos días nos tellados. Gretel non lle chamaba polo seu nome, Georges, gustáballe máis o apelido Roskopf porque soaba a ruso e ao pronuncialo imaxinaba un doce.

Dende as súas atalaias podían ver a xente nos seus traballos dos días, esculcar os paseantes e seguir coa ollada os nenos e nenas que xogaban a correr no labirinto das rúas e que se agochaban nos recunchos da praza. Tamén escoitaban as campás da igrexa que tres veces ao día marcaban as horas das misas e da oración: pola mañá cedo, ao mediodía e cando declinaba a tarde. Ata eles chegaba o son oscilante e metálico das sirenas das fábricas situadas nos arredores da cidade. Aquelas sirenas anunciaban o comezo do traballo, a pausa para o xantar e o final da xornada, momento no que os homes acudían á taberna, as mulleres cosían, calcetaban ou falaban ás portas das casas e se recollían os nenos.

A Gretel gustáballe debuxar letras en anacos de papel que deixaba caer dende o tellado cando había procesións ou música. El prefería unha chuvia de pétalos de distintas cores.

Un día Gretel anuncioulle que marchaba. Seus pais trasladábanse a outra cidade e ela debía ir canda eles. O último día baixaron do tellado e víronse na rúa. Eran da mesma estatura, ela loura e el de pelo roxo. Apertáronse e choraron un pouco. Botaríanse de menos. Prometeron buscarse, pero os dous sabían que non sería doado. Gretel marchaba lonxe.

Na soidade da nova vida a Roskopf deulle por medir o tempo. Nun reloxo de sol situado na fachada da casa na que vivira Gretel, descubriu que a sombra da agulla situada no centro marcaba as horas e permitía saber as estacións do ano. Aprendeu, tamén, que no verán os días eran máis longos e máis curtos no inverno. Un día sorprendeuno a escuridade que envolveu
a cidade ao mediodía. Desaparecera o sol. Así soubo das eclipses.

Aínda sen Gretel, nos meses sen escola, el seguiu subindo ao seu tellado e, co paso dos anos, descubriu que as sirenas das fábricas, que debían sinalar con exactitude o momento de entrada dos obreiros, o descanso do mediodía e a saída no serán, non coincidían co exacto decorrer das horas. Advertiuno no reloxo de sol. A fábrica roubáballes aos obreiros un tempo
que non lles pagaba. Case unha hora cada día de salario. Foi entón cando
decidiu que o seu oficio sería o de reloxeiro.

Mentres aprendía no taller de reloxos de Niederweiler, soñaba con que un día el crearía un reloxo barato para a xente humilde. Toda a xente merecía ter un reloxo propio co que administrar o seu tempo.
Pasaron os anos e Roskopf trasladouse a Suíza, a patria dos reloxeiros. Casou en 1835 con Lorimier, viúva, nai de dous fillos e pertencente a unha familia adiñeirada. Coa súa fortuna, Roskopf montou unha fábrica de reloxos. Daquela, os reloxos mecánicos eran moi caros e só podían acceder a eles as persoas con cartos, pero non era o caso de seus pais nin dos seus
veciños. Un reloxo de ouro ou de prata, con sofisticados mecanismos que incluían pedras preciosas coma os rubís e máis de cento cincuenta pezas de maquinaria, só estaba ao alcance dos nobres, dos empresarios e das persoas da alta burguesía. Pero Roskopf, no seu taller, conseguiu deseñar un reloxo accesible para todos, sinxelo, de sesenta pezas, sen rubís nin ouro nin prata, pero exacto. Chamoulle: o reloxo do proletariado. Tivo tanto éxito que chegou a patentalo en moitos países, para evitar que outros vendesen reloxos co seu nome. Pero nin sequera aquela patente conseguiu evitar imitacións.

Sábese que entre el e o seu fillo chegaron a vender máis de trinta millóns de reloxos por todo o mundo. Si, Roskopf conseguira un reloxo barato e popular, capaz de marcar con rigor as horas dos traballadores e de todas as persoas humildes.

Francisco X. Fernández Naval

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies