Fóra, o mundo semella unha mentira.
(Parábola do incrédulo. Manuel Álvarez Torneiro)
A Encarna Sánchez
Son as seis da tarde e o día vólvese noite. Decembro ten esas cousas.
Os dous amigos deciden, por fin, facerlle unha visita a Xián. Noutrora tan xuntos andaban os tres que, entre a veciñanza, referíanse a eles polo alcume común de mosqueteiros; mais dende que, con doce anos, unha desas enfermidades raras comezou a coutar os soños de futuro de Xián, a relación foise espazando ata se volver inexistente. Cústalles asimilar o drama dun rapaz ao que a fala e a capacidade de se soster en pé o foron abandonando co sixilo dun asasino silencioso.
Antes de premer no timbre, axexan pola ventá.
Dentro, a radio está prendida e unha emisora de música clásica enchoupa o salón de maxia. Na cheminea os rachóns de carballo aturuxan ao compás da melodía.
Fóra, dous pares de ollos pegados ao cristal non perden detalle do que acontece no interior. Permanecen abertos ata a esaxeración, non poden dar creto do que ven. Ao carón daquela luz contraditoria do lume descobren a Xián
bailando cunha muller no salón da súa casa!
-Pero se leva anos na cadeira de rodas! É totalmente imposible que o aguanten as pernas! -bisba, á fin, un deles.
-Semellan dous bonecos dunha caixa de música dando voltas. Non se moven do sitio! –muiñou o outro.
O corazón queríalles saír pola boca e bater contra o cristal. Non tiveron valor para chamar á porta e fuxiron espavorecidos, sen recoñecer á moza coa que bailaba.
Coma cada tarde de domingo, a nai de Xián enxugou as bágoas pulidas en solitario, sacou o uniforme de tristeza e colocou unha prótese de ledicia para se converter en rexia carballa e nutrir de soños o corpo represado de Xián.
Achegouse á cadeira de rodas, colocou os pés inertes do fillo sobre os seus pés, coma cando era un cativo. Rodeou o seu pescozo cos braciños delgados e inmóbiles do fillo, suxeitouno pola cintura e púxoo en pé. Nai e fillo bailan
agora na tempestade calma da tenrura. El, uns ollos de alba aberta; ela, un cabalo de cartón trotando con forza sobrehumana polas sombras.
Son bailes clandestinos, perfumados con sobredoses de cariño.
Na radio soan agora As catro estacións de Vivaldi. Tamén ela é nai en calquera estación.
Fina Casalderrey