Site Overlay

Cada luz unha esperanza por Xabier P. Docampo

Tamén pode ser coma aquela vez que me colleu o mal. O meu chi abandonárame e acordei nun campo de ñame. Ñame por todas partes e eu, desorientado,botei a andar. Andei días e días sen saber onde estaba. Igualiño que agora, que estou no medio do mar. Eu nunca vira o mar, non podía imaxinar que era tan grande. É tan enorme que só é mar. Olle para onde olle só vexo auga e ceo. Agora fiquei só, o meu derradeiro compañeiro morreu onte e boteino ao mar, el mesmo me dixera que que o fixese así. Cantos eramos? Cantos días levo aquí? Non sei nin unha cousa nin outra. Só que é noite e que estou no medio do mar. Aquela noite no campo de ñame vin unha luz. Parecía un lume que ía e viña. Andei cara alí. Fun dar a un poboado. Estaban a celebrar unha asemblea. Sentei con eles. Todos arredor do lume que me levara alí. Un díxome que falase, que se chegara a eles era porque os deuses querían que me acollesen. Déronme ñame para plantar. Así que tiña dereito a falar na asemblea.

Agora estou a ver unha luz coma aquela. Pasa e vaise. Cando pasa vexo o mar. Está moi alta, coma nunha torre. Iso quere dicir que alí ten que haber xente, boa xente. Vou cara alí. Cando me vexan entenderán que os deuses me enviaron a eles e acolleranme, daranme un sitio para vivir, cunha esteira para me deitar e un lar para facer a miña comida. Á fin son seres humanos coma min e hanme acoller. E ao pouco xa virá o meu chia me protexer tamén nesta nova casa. Si, teño que vogar cara a luz que pasa pola tona da auga.

Xabier P. DoCampo

O chi é o deus persoal dos individuos do pobo igbo. E o ñame é un tubérculo comestíbel, base da alimentación dalgúns pobos de África.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies