Site Overlay

2024 Bacharelato e FP

GAÑADORA na categoría de BACHARELATO-FP

Lucía Castrillo Sánchez do IES de Soutomaior

TEST

Unha raia. As lembranzas comezan a fluír a medida que avanza o líquido.
Todo comezou aquel fatídico día…
Non, non sería xusto comezar así.
Todo comezou coa primeira mirada, coa pescuda do reflexo dos teus lentes
entre os andeis da biblioteca da facultade, co primeiro café —de tantos—
ao que me invitaches e cuxa cunca che sabería describir á perfección. Todo
comezou co primeiro bico, que seica nos puxo as meixelas coma a centola
á que me invitaches no noso primeiro aniversario de noivado, cando aínda
as bolboretas eran tantas e bulían tan forte que non che deixaron oír o teu
subconsciente, que che lembraba a miña alerxia ao marisco.
Pero ogallá só tivesen a culpa as bolboretas. Ogallá o son de ás agarimosas
chocando freneticamente fose o único que che impedía oír fóra do teu
ser, onde estaba o mundo real ao que eu sempre intentaba traerte de volta
cando miraba como te afastabas, remando na túa barca de soidade, cara á
atafegante brétema do teu interior. E é que, por moito que intentaba vogar
nesa escuridade, buscándote para facerte regresar, nunca o conseguín.
Así é como estabas, pero non onde tiñas que estar. Estabas, pero non
aquí, non comigo.
Estabas, porque agora xa non estás. Nin mergullado na túa brétema, nin
aquí, nin comigo.
Estabas, porque agora o único que conservo de ti é a calor que xermola
no meu interior.
Dous pauíños: test positivo.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies