GAÑADORA na categoría de SECUNDARIA
Laura Falcón Bermúdez do CPI Plurilingüe Santa Lucía, Moraña
PARAUGAS ESGOTADOS
Fixera demasiada calor; a condensación acumulada nas escaleiras ía
facer que escorregase de vez. As présas non eran boas, pero a treixada
estaba sobre nós. E eu, sen paraugas. Bulía por rúas inzadas de fochancas
mentres caía na conta de que a xente maior me avisara de que ventaba sur.
Non fixera caso e abofé que tiñan razón. A saber en que intre me decatei
de que ninguén na cidade contaba cun paraugas! Polo que, enchoupados
e cheos de tristeza, a auga entrou nos corpos da xente: poalla que se mergulla
no interior dos ósos e semella non querer saír endexamais. Había
un desamparo de «parachoivas»; só os tiña eu, paraugas e alegría. Logo de
botar toda a mañá no traballo, entro no fogar. Cunha barrufada de ideas
a orbitar nos miolos, decido baixar á rúa e mercar os máximos paraugas
posibles para entregar ás persoas que puidese e que así conseguisen taparse
do temporal.
Arranquei a toda présa e fun tenda por tenda e bazar por bazar… na
busca deses caxatos con cuberta de tea para resgardar o mundo. Deixei
toda a bisbarra do Salnés sen existencias. Repartín o pouco que tiña entre
as mans: varias ducias de paraugas que creaban un arco da vella nos meus
brazos.
Pasaban os días; a choiva non cesaba, mais cando ía pola rúa daba moito
gusto ver xente eufórica e sobre todo contenta, sen se enchoupar. Rúas
anegadas pola auga, enxurradas a baixar polas avenidas e, cando escampou,
a rapazada toda navegando cos paraugas ao revés por enriba dun mar
irreal. O arco da vella brillaba baixo os pés das crianzas, e eu… coa choiva
nos ollos.