A Sorpresa, por Paula Carballeira
A SORPRESA
«Vaima tirar á cara», pensei, no mesmo momento no que saín da casa para levarlle a sorpresa. «Vaise rir de min e vaime pechar a porta nos fociños», pensei tamén.
«Vaime denunciar á policía e vanme levar ao cárcere por molestar a veciñanza nas horas do descanso», pensei despois, e alarmeime. As condenas por non respectar o descanso obrigatorio podían ir desde as vinte e catro horas no cárcere ata os tres días, alén da multa. O descanso está considerado unha actividade fundamental na nosa cidade, para poder recuperar a enerxía. A enerxía é riqueza. A enerxía é poder. A nosa cidade é rica e poderosa, ou iso din os carteis.
«Vai chamar polo seu pai», pensei por último, e iso si que me deu medo. O pai de Xale é un xigante. Sen esaxerar. Podería collerme cunha man e lanzarme cara ao espazo exterior coma se fose un gran de area.
Non me importa. Tiven valor abondo para agochar a sorpresa debaixo da chaqueta, poñer o casco e coller a moto da miña irmá. Só permiten circular a tres motos de corda despois das dez da noite. A da miña irmá é unha delas. A miña irmá traballa na Oficina da Puntualidade, debe controlar os horarios de toda a nosa cidade: quen se deita, quen se levanta, quen limpa os circuítos, quen lles dá corda aos mecanismos que nos permiten non contaminar e, ao tempo, poder movernos, sempre polas estradas recomendadas, sempre con previo aviso. A miña irmá non sabe que, de cando en vez, collo a súa moto, só uns minutos, para ir onda Xale.
Xale vive na Parte de Abaixo, onde non hai motos nin cordas nin resortes nin ás nin estradas nin transportes. A xente da Parte de Abaixo camiña ou nada no océano, se non hai vento do nordés. A alerta por vento do nordés fai que pechen as portas e as ventás, coma esta noite. A nós, á xente da Parte de Arriba, o vento axúdanos a ir máis rápido. Nós dependemos do aire. A xente da Parte de Abaixo depende do mar e da terra.
A sorpresa abafábame. Consoleime coa idea de que quizais me protexería á maneira dun escudo no caso improbable de ter un accidente. Iso case nunca acontece. As motos de corda son moi seguras. Aínda así, cando zoa tanto o vento, debemos ter conta de non atravesar os límites do asfalto, porque podemos esvarar e caer e que nos leven as mareas, ou, o que é peor, ter que abandonar a moto e seguir camiñando. Hai tanto tempo que non preciso camiñar que parezo un ganso, torpe e gordo. Na moto non, na moto son unha aguia, un falcón, elegante e veloz. Pedín polo meu aniversario un par de ás de competición, pero non as conseguín. Tampouco conseguín unha barca de remos ou uns patíns con rodas. Supoño que sospeitaron que eran para ir á Parte de Abaixo. Regaláronme un avión de papel e unhas botas de chumbo que me impedirían saltar e fuxir entre as nubes, esquivando as aspas dos muíños.
Atopei a sorpresa nun paquete que alguén me enviou por correo aéreo. E, nada máis vela, quixen prestarlla a Xale, a miña persoa favorita no mundo enteiro. Deste xeito, compartiriamos un segredo. Fóra das clases na Escola do Futuro non nos atopabamos, agás cando escapaba durante o horario de descanso.
Xale tíñame avisado varias veces de que era moi arriscado. Ninguén lle aprende a xogar co aire á xente da Parte de Abaixo, igual que a nós non nos aprenden a xogar coa auga. Métennos medo. Queren ternos baixo control. Cada enerxía debe estar no seu lado, sen mesturarse. Desde que gardo a sorpresa, imaxino que aprendemos a movernos sen límites, de abaixo a arriba e de arriba a abaixo, con motos de corda, barcos de corda, avións de corda, con velas e rodas, con pernas e pés, con plumas, co que sexa.
A sorpresa faime valente, dáme forza.
Baixei da moto de corda da miña irmá, quitei o casco e achegueime á porta de Xale co corazón baténdome coma un pequeno tambor.
Chamei ao timbre.
Murmurei: «Xale…», cruzando os dedos para que o seu pai non me escoitase.
E Xale apareceu.
Abrín a cremalleira da chaqueta e amoseille a sorpresa.
O sorriso de Xale faría amainar calquera tormenta. «Le sen présa. Volverei na seguinte noite de nordés», bisbei.
Xale aloumiñou as páxinas da sorpresa e deume un bico na meixela.
Eu puxen o casco para que non descubrise que a vergonza me tinxía de vermello ata a punta do cabelo. Deille unhas voltas á corda da moto e, antes de marchar, mirei cara atrás.
Xale apertaba o libro contra o peito.
«Foi unha boa sorpresa», pensei, mentres a Lúa asomaba e tinxía de prata os misterios.
Paula Carballeira