ANPA Anduriña participa nunha reunión de ANPAS de Pontevedra para reclamar melloras urxentes nos centros públicos
A ANPA do centro participou esta mañá nunha reunión conxunta de asociacións de nais e pais de Pontevedra, convocada pola FANPA, para trasladar ás institucións a situación preocupante que atravesan moitos centros públicos en materia de infraestruturas, servizos e recursos educativos, e reclamar solucións reais que garantan condicións dignas e seguras para o alumnado.
Esta mañá representantes de varias ANPAS de centros públicos de Pontevedra mantivemos unha reunión coa representación do BNG, convocada pola FANPA, nun contexto xeral preocupante: as deficiencias nos centros non son casos illados, senón unha realidade estendida que afecta a moitas escolas, e que se agrava ano tras ano. O obxectivo da xuntanza era poñer en común a situación actual dos centros educativos en canto a infraestruturas, servizos e dotación de recursos.
Na reunión estivemos presentes representantes da nosa ANPA e tamén a do CEP Campolongo, o IES Sánchez Cantón, o CEIP Carballeira, o CEIP Vidal Portela e o CEIP Xunqueira I. Pola FANPA asistiu o seu presidente, Rogelio Carballo, trasladando tamén as problemáticas doutros centros que non puideron acudir. Participaron así mesmo Luis Bará, parlamentario do BNG por Pontevedra no Parlamento galego, e Demetrio Gómez, concelleiro e responsable da área de ensino no Concello de Pontevedra.
Durante a xuntanza solicitóusenos listar as principais deficiencias dos centros. No ámbito das infraestruturas, a situación descrita foi moi grave: centros sen actuacións dende hai décadas, presenza de tubaxes de chumbo, cubertas con amianto ou patios e edificios en condicións claramente mellorables. Desde a FANPA fíxose unha síntese destas problemáticas, propoñendo medidas estruturais como a elaboración dun inventario real do estado dos centros, a garantía das condicións de seguridade, habitabilidade e salubridade, e a modificación da normativa para que os edificios educativos pasen de maneira urxente un Informe de Avaliación das Edificacións, con publicidade dos resultados.
Pola nosa banda, trasladamos todas as demandas que, tanto a ANPA como a dirección do centro, vimos reclamando desde hai tempo: a substitución do tellado e a actualización da instalación eléctrica da zona antiga do colexio; a instalación dunha cuberta na nova entrada; o mantemento do patio e a solución dos numerosos charcos que se forman nas zonas de xogo e nos accesos, incluída a lagoa que aparece diante da nova porta, que aínda non está en uso pero que será imprescindible nos próximos meses co inicio das obras de destape do Gafos. En relación con estas obras, lembramos ao concelleiro que durante un período prolongado moitos nenos e nenas terán que transitar por unha zona en obras, polo que solicitamos que se extremen as medidas de seguridade. Tamén recordamos que, aínda que esas obras sexan de inminente execución, os valados instalados para evitar que se transiten as pasarelas sobre o Gafos requiren de mantemento, que están nun estado perigoso para as crianzas e deben ser mantidos ata o inicio das obras. Así mesmo, puxemos sobre a mesa a preocupación polo problema dos roedores, xa existente, e que podería agravarse ao destaparse o río, desprazándose cara aos centros educativos e ao comedor escolar se non se actúa con antelación. Finalmente, trasladouse tamén, xunto coa ANPA de Campolongo, as deficiencias do edificio do comedor e nos servizos de limpeza dos centros en xeral.
Nun segundo bloque abordouse a situación da atención educativa nos coles, do persoal docente e dos claustros, facendo especial fincapé na atención á diversidade. Destacouse especialmente o caso do CEIP Campolongo, pola gravidade da súa situación, que eles mesmos fixeron pública nos medios de comunicación e que, malia os esforzos realizados pola súa comunidade educativa, non está a atopar solución. Ante isto, Luis Bará comprometeuse a manter unha reunión específica con este centro nos próximos días, á que fomos convidados, dada a relación entre os nosos centros.
Dende a directiva da ANPA queremos trasladar ás familias que seguiremos participando activamente en todas as mesas de diálogo e espazos institucionais que sexan necesarios para defender e mellorar as condicións da nosa comunidade educativa. Cómpre aclarar que a nosa asociación non ten nin terá filiación política de ningún tipo: sentarémonos con quen nos queira escoitar e, se é preciso, tamén con quen non o faga. Consideramos fundamental estar presentes, sumar forzas con outras ANPAS e esixir solucións reais e estruturais para garantir unha educación pública digna, segura e de calidade.