Primeiros auxilios pediátricos: unha aprendizaxe imprescindible
A ANPA Anduriña impulsa unha formación práctica para familias, da man de TESGALICIA, para actuar con seguridade ante emerxencias.
O pasado 26 de marzo celebramos no centro un obradoiro de primeiros auxilios pediátricos e soporte vital básico, organizado pola ANPA e dirixido ás familias asociadas.
A formación, impartida pola Asociación de Técnicos de Emerxencias de Galicia (TESGALICIA), tivo un enfoque eminentemente práctico, permitindo ás persoas asistentes adquirir coñecementos e ferramentas para actuar ante situacións de emerxencia que poden darse no día a día coas crianzas.
Durante a sesión abordáronse cuestións como a actuación ante paradas cardiorrespiratorias, obstrucións da vía aérea, hipoglucemias, síncopes, convulsións, feridas ou hemorraxias. Todo isto cunha metodoloxía clara e accesible, que facilitou a participación e a resolución de dúbidas.
Desde a ANPA valoramos moi positivamente esta primeira experiencia formativa, tanto pola acollida das familias como pola utilidade dos contidos traballados.
Queremos trasladar un agradecemento especial a TESGALICIA pola súa profesionalidade, pola calidade da formación impartida e pola súa capacidade para achegar contidos complexos dun xeito comprensible e práctico.
Seguiremos traballando para ofrecer novas iniciativas que contribúan ao benestar e á seguridade das nosas crianzas e das súas familias.
