Reunión sobre as obras do río Gafos: primeiras informacións e próximos pasos
A ANPA trasladou as inquedanzas da comunidade educativa e solicita máis concreción para minimizar o impacto das obras no día a día do centro
Onte, 8 de abril de 2026, mantivemos a reunión no Concello sobre as obras de renaturalización do río Gafos, xunto coa ANPA San Xosé de Campolongo e un representante do equipo directivo do centro.
A continuación, trasladámosvos un resumo cos principais puntos tratados:
Planificación da obra
Hai aínda pouca concreción sobre o desenvolvemento detallado da obra. Explicouse de forma xeral o proxecto e as infografías xa publicadas. A previsión é que a adxudicataria comece a finais de maio, aínda que os traballos máis visibles poderían iniciarse cara finais de xuño/primeiros de xullo.
A primeira actuación será a instalación de novos tubos de saneamento nos laterais do río, o que implicará levantar todo o paseo e pechar ou limitar moito o tránsito. Confirmouse tamén que o tramo entre os centros educativos e a gardería é o máis complexo pola falta de espazo.
Ante a falta de concreción en xeral sobre as continxencias da obra, comprométense a:
- Convocar unha nova reunión similar á mantida onte, co xefe de obra e persoal técnico a finais de xuño, para trasladar de xeito directo as necesidades.
- Establecer unha canle de comunicación fluída cos centros.
- Avisar con antelación suficiente das actuacións.
- Tentar non cortar o paseo antes de final deste curso, na medida do posible.
Accesos e mobilidade
Non se puideron concretar aínda alternativas concretas para os accesos durante á obra, é algo que se tratará na próxima reunión.
Confirmouse que o acceso por Iglesias Vilarelle se manterá como ata agora, con restrición só nun pequeno tramo para residentes (o que da acceso ao garaxe do edificio de Torrado dende a rúa Alcalde Hevia), o que non afecta ao tránsito no tramo detrás do cole polo que se poderán seguir usando as prazas de servizos (máx. 15 minutos) desta rúa. Propúxose aumentar este tipo de zonas de parada curta no primeiro tramo da Avenida Augusto García Sánchez para facilitar as entradas e saídas, proposta que foi ben acollida e que se comprometeron a revisar.
Saúde e hixiene
Trasladouse a preocupación pola posible proliferación de roedores, especialmente polo impacto no comedor. Aínda que existen sistemas activos, indicouse que este risco pode aumentar coas obras no momento de destapamento do Gafos.
Tamén se abordou a limpeza do centro: o Concello informou de que está en marcha un novo contrato que permitirá reforzar este servizo, incluído o comedor, pero que aínda levará un tempo porque contempla máis servizos. Solicitamos, ademais deste aumento prometido de base, medidas correctivas específicas polo aumento de po e sucidade derivado das obras.
Outras cuestións
Confirmouse que o composteiro e o grifo situados no paseo desaparecerán pola falta de espazo na nova configuración do paseo, mellorando a accesibilidade nesa zona despois das obras.
Trasladouse a preocupación polos ruídos durante a xornada escolar, que se tratará con máis detalle na próxima reunión.
Solicitouse un mellor mantemento dos exteriores do centro, especialmente dos xardíns, axustando a frecuencia para garantir o seu uso en condicións axeitadas.
En resumo, trátase dunha obra de gran envergadura que inevitablemente terá impacto no día a día, aínda que queda pendente concretar moitos aspectos clave, pero recibimos a vontade de facer que todo funcione o mellor posible durante a mesma.
Seguiremos facendo seguimento e manterémosvos informadas/os de todas as novidades.
A ANPA trasladou as inquedanzas da comunidade educativa e solicita máis concreción para minimizar o impacto das obras no día a día do centro